Moitos xa coñeceredes o portal Wolfram Alpha e a gran axuda que brinda sobre todo aos que traballan en algo relacionado coas matemáticas. Aínda así, se es dos poucos que non o coñeces que saibas que se trata dun buscador tipo Google que ten variopintas utilidades que van dende o cálculo diferencial ata coñecer frecuencia de repetición dunha palabra ao longo da historia. Así que se aínda non entraches, recoméndoche encarecidamente que o fagas.
Pois parece que a Halloween non lle escapa ninguén, porque dende o blog oficial de Wolfram Alpha chéganos a noticia que introduciron, a modo de ovo de pascua, algúns comandos nos que aparecen diversas representacións matemáticas de cabazas, piratas e outros, todos eles relacionados con dita festa popular.
Como podedes observar na parte inferior da imaxe a fórmula para representar ditas figuras son “supersinxelas”, polo que non me quero imaxinar canto tivo que maquinar o creador de toda a álxebra necesaria para deseñar unhas formas tan estrambóticas. Como podedes supoñer a nós non nos piden que poñamos ditos comandos, senón que con poñer “pumpkin face” ou “pumkin surface” xa nos chega para poder fedellar algo neste buscador.
Pois nada, agora a fedellar no buscador, pero antes de nada disfrutade da noite de Halloween ou como nós lle chamamos Samaín.
Ligazón externa | Wolfram|Alpha
Ligazón externa | Blog oficial Wolfram|Alpha