Tras unha semana sen a nosa entrega de “A orixe topónimos galegos”, volvemos hoxe cunha das principais cidades de Galicia: A Coruña. Todo o mundo coñece esta fermosa cidade, mais poucos saben cal é a orixe do seu nome.
Como en moitos casos, a etimoloxía do topónimo non está totalmente clara, senón que existen diversas teorías que tentan desvelar a súa orixe. Unha desas teorías dinos que o nome desta cidade provén de Clunia, antropónimo feminino duna estirpe céltica. A pesar de ter un inconveniente fonético, xa que o grupo *cl do latín adoita a pasar ao grupo *ch (clausa-chousa); ten un feito a favor de que existe unha localidade na provincia de Burgos, Coruña del Conde, situada preto dun antigo asentamento romano cuxo nome era o de Clunia Suplicia.
Así e todo, dita dificultade fonética pode levarnos a plantarnos que o topónimo A Coruña probablemente teña unha orixe distinta. Ao ser a raíz do nome da cidade afín ao grupo *k-r, que pode ter unha orixe preindoeuropea que significa “pedra, rocha” en referencia ao territorio rochoso onde se fundou a cidade preto do famoso faro insignia da cidade: a torre de Hércules. Dito grupo consonántico tamén puido crear o grupo *cor e *car (tamén presente noutros topónimos galegos como Carnota, Cariño, Corme…).

Finalmente existe unha terceira teoría que nos sitúa a raíz do devandito topónimo no étimo latino acrunnia (“península”), que derivaría co falso artigo “a” en a crunnia, para logo dar a forma actual. O caso desta última explicación sería curioso, debido a que eliminaría toda a discusión de se formou en torno ao idioma no que debería estar o “artigo” que acompaña ao nome da cidade, debido a que a tradución non sería lexítima ao non tratarse dun artigo como tal, senón dunha simple evolución lingüística do topónimo.
Máis en erdati | A orixe dos tópinimos galegos