Algunha vez quedaches sen cobertura no móbil dentro dun ascensor?
Contáronche que se un raio che caera enriba do coche o último que debes intentar é saír do mesmo se para iso tes que tocar a carrozaría?
Pois a explicación a estes fenómenos e outros moitos non vai máis aló ca dun pequeno principio físico.
Empezarei por explicar en que consiste unha Gaiola de Faraday:
Imaxinádevos un anaco dun material condutor que posúe unha carga que por abreviar representaremos por “Q”.
É intuitivo chegar á conclusión de que despois dun tempo andando de aquí para aló, a carga rematará por atopar unha posición de equilibrio e quedará así distribuída en ausencia doutros factores que a alteren.
Pero realmente, que significa que estea en equilibrio?
Que o condutor estea en equilibrio implica un feito fundamental para a Gaiola de Faraday; o campo eléctrico no interior do condutor será nulo, pois sábese que unha carga en presenza dun campo eléctrico moverase.
Pero outro principio da física nos di que a carga consérvase, mais se non hai carga dentro do condutor, (debido a que a carga xera campo e o campo dentro do condutor é nulo) a onde foi parar “Q”?
Só nos queda un lugar posible, a superficie do condutor.
Que pasaría agora se supoñemos que dentro do noso condutor hai un burato onde podemos depositar cousas?
Polo mesmo razoamento volveríamos a chegar á conclusión de que o campo no interior do condutor tería que se anular para que estea en equilibrio.

Levemos isto á práctica e máis en concreto ó caso do ascensor.
En efecto, un ascensor non deixa de ser un gran condutor (pola súa construción metálica) cun burato dentro para que nós vaiamos nel.
Pois ben, ó levarmos o móbil connosco, este buscará recibir ondas electromagnéticas dos satélites para funcionar (recibir chamadas, mensaxes, tarifa de datos…) pero as ondas electromagnéticas non deixan de ser campos (entre eles o eléctrico), de xeito que cando o campo chegue ó ascensor, a carga que implicaría este campo indúcese na superficie da máquina; é dicir, o campo dentro do ascensor será nulo e polo tanto as ondas electromagnéticas que lle dan cobertura ó noso móbil nunca chegarán a este.
E se non me credes sempre podedes cubrir de papel albal o voso teléfono e chamar, xa veredes como non soa.