Tras un pequeno descanso, retomamos esta serie de artigos para viaxar esta vez cara ás Rías Baixas. Pontevedra será o noso destino. Ao contrario que ocorría noutros casos, existe unha clara aceptación entre os expertos sobre a orixe deste topónimo.
A orixe, como ocorre na maioría dos casos, témola que buscar na lingua dos romanos: o latín. Pontevedra provén de “PONS” que significa ponte, e “VETERA-VETERI” que a súa vez provén de “VETUS” que significa vello.
Como podemos observar a primeira parte do topónimo evolucionará para galeguizarse completamente, en cambio a segunda parte quedarase a medio camiño, pasando o grupo “-TER-“ a “-DR” mediante a omisión da e intervocálica e máis unha sonorización do fonema /t/ ao fonema /d/ (do mesmo xeito que “PETRA” orixinou pedra).
Existen numerosos arquivos que confirman esta orixe, como a Paz do Lérez (1165), na cal Afonso Enríquez de Portugal e Fernando II de León firmaron a paz entre os dous reinos, sobre a ponte que se convertería na actual Ponte do Burgo:
…super flumen Lerice in Vetula Ponte…

Tamén na concesión dun foro por parte outra vez de Fernando II volve aparecer a mesma denominación (1169):
…omnes habitatores de Ponte Veteri tam presentes quam futuros…
O que non queda claro é cando sucedeu a denominación da cidade por este nome. Estes documentos poden levarnos a pensar que se produciu durante a Idade Media mais non podemos estar seguros de que dito nome non proviñera xa da época romana.
Máis en erdati | A orixe dos tópinimos galegos
Existe unha teoría basada na existencia de dúas pontes na orixe da toponimia. Non é moi dado que unha poboación importante leve o nome dunha infraestructura a non ser que ésta teńa unha característica especial.
Probablemente o nome si que se deba a existencia dunha ou varias pontes en dito lugar, mais ao non ter a certeza de cando se adoptou o topónimo non podemos saber de que ponte estamos a falar, ou se existiu na realidade ou tan so na mitoloxía.