Imaxinemos que tiramos un obxecto dende unha gran altura e cae ó baleiro, posto que a Terra ten gravidade, o noso obxecto acelérase.
Ata aquí todo entra dentro da nosa intuición; a pregunta agora é, se tirásemos un obxecto dende a suficiente altura, poderíase acadar calquera velocidade?
Atopámonos dúas respostas posibles:
Por un lado, se nos atopásemos nun caso ideal, sen aire que opoña rozamento, en efecto, podería chegar a velocidades enormes, pero como na nosa atmosfera hai aire, este caso non nos interesa).
Por outro lado, se supoñemos o caso real onde haxa rozamento atopámonos cun problema. Sábese que a forza de rozamento que exerce o aire sobre un corpo caendo é moito máis grande conforme aumenta a velocidade (“en concreto é proporcional ó cadrado desta”).
Entón atopámonos cun corpo que cae cada vez máis rápido grazas á gravidade, pero á vez hai unha forza que se opón a este feito e cada vez é máis intensa. Así, chegará o punto no que os dous lados se equilibren de xeito que a forza da gravidade é igual á de rozamento, neste intre a velocidade farase constante e será o que chamamos “velocidade terminal“.
Un caso práctico disto amosóunolo o austríaco Felix Baumgartner cando se tirou dende 39km de altura para intentar romper a barreira do son en caída libre. Non creades que se tirou dende esta altura para ter máis marxe de caída e así poder estar máis tempo acelerando (acabamos de dicir que isto con aire presente sería imposible); tirouse dende esa altura porque a concentración de gases nas partes altas da atmosfera é inferior e polo tanto será tamén inferior o rozamento destes.