
Seguramente moitos de vós vos tedes preguntado se en realidade estamos sós no universo ou se existen algúns outros planetas que alberguen vida a parte do noso, e se incluso esa vida pode ser intelixente coma no caso do ser humano terrestre. As opinións son variadas nestas cuestións dende a negación absoluta dalgúns sectores ata a crenza en non só a súa existencia senón tamén nas visitas que presuntamente estes seres fan ao noso planeta.
O certo é que, por incrible que pareza, que existe unha fórmula que tenta estimar o número de civilizacións intelixentes capaces de contactar con nós, dentro da nosa galaxia. O autor desta curiosa ecuación é un astrónomo estadounidense, Frank Drake (non confundir co famoso pirata e explorador británico Francis Drake). Dita ecuación é a seguinte:
N = R* · fp · ne · fl · fi · fc · L
Vista así a fórmula parece unha sucesión de letras ao azar escollidas polo autor nunha noite de insomnio, máis a continuación poñemos o que significa cada abreviatura, xunto coa estimación inicial feita polo propio Drake:
- R* → Ritmo de formación de estrelas capaces de albergar planetas ao seu redor = 10 estrelas/ano
- fp → Porción de estas que realmente albergan ditos planetas = 0.5 (a metade de estrelas teñen planetas)
- ne → Número de estrelas con planetas orbitando dentro da “zona habitable” desta = 2 estrelas.
- fl → Fracción destes planetas nos que apareceu a vida = 1 (todos os planetas poderían ser potencialmente capaces de conter vida)
- fi → Fracción nos cales prolifereu a vida intelixente = 0.01 (1%)
- fc → Fracción nos que dita vida intelixente está tratando de comunicarse con outras civilizacións = 0.01 (1%)
- L → Período de tempo no que a vida intelixente dun planea pode sobrevivir = 10 000 anos.
Substituíndo os valores na formula Drake chegaba a un resultado de 10 civilizacións capaces de contactar con nós. Dicir que todos estes datos son elixidos moi ambiguamente e non existe unanimidade entre os expertos no seu valor real; chegando a variar o resultado final obtido dende menos de 1 ata varios milleiros segundo o científico que elixa os datos.
Así e todo non deixa de ser curioso que poida existir unha fórmula para calcular se realmente estamos sós ou se o universo e moito máis poboado do que poderíamos pensar nun principio.