A criptoloxía, ou o que é o mesmo, a ciencia que estuda a codificación e a descodificación da información, sufriu un forte avance coa chegada e o conseguinte avance dos ordenadores. Agora existen maneiras de cifrar unha mensaxe da maneira tan segura que resulte practicamente imposible acceder á información que contén dito cifrado. Non obstante, o certo é que non se necesitan uns superordenadores para cifrar unha mensaxe de maneira que terceiras persoas sexan incapaces de acceder ao contido que se tenta ocultar.
Mostra disto é o chamado Manuscrito de Voynich, un libro que foi escrito entre 1404 e 1438 (segundo probas do carbono-14) utilizando un alfabeto descoñecido e nun idioma non intelixible. Dita obra pasou por diferentes propiedades dende que foi descuberto, incluíndo Rodolfo de Bohemia (neto de Carlos I), a biblioteca do Collegio Romano,Wilfrid M. Voynich (ao que lle debemos o nome)… entre outros. Finalmente chegaría ao lugar onde se atopa actualmente, a biblioteca da universidade de Yale.
Durante todo ese tempo foron moitos -entre os que se atopan expertos na descodificación de mensaxes da II Guerra Mundial, a axencia de seguridade nacional (NSA) de Estados Unidos, etc.- os que intentaron descifrar o contido de dito manuscrito mais ningún deles puido descifrar unha soa palabra.
Sábese que o libro segue a chamada lei de Zipf (lei que cumpren todas as linguas naturais), a cal nos di que canto máis repetida aparece unha palabra, máis curta é a mesma; pola economía da linguaxe. Isto pode indicar que a lingua utilizada para escribir dito manuscrito está baseada nunha lingua natural; non obstante esta segue sendo un misterio.

O texto do manuscrito está acompañado por numerosas ilustracións as cales pódennos suxerir o posible contido que se trata no texto. Por exemplo as numerosas ilustracións de distintos tipos de plantas poden indicar que o manuscrito trátase dun herbario no que se describen as propiedades de plantas descoñecidas na súa maioría (identificáronse tan so o Pensamento Silvestre e un tipo de fento chamado Capilaria). Por outra banda a existencia de páxinas nas que aparecen o o que se asemella a unhas cartas zodiacais nas que aparecen os signos do zodíaco e mais a posición dos planetas clásicos, indícannos que o herbario podería ter consideracións astrolóxicas. Isto estaría acorde coa época, na que era común a crenza da influenza da posición dos astros sobre a vida na Terra.
Todo isto supoñendo que as imaxes garden relación co texto debido a que a imposibilidade de descifrar o contido do manuscrito fai que moitos se estean comezando a considerar novas teorías sobre el. Ata hai quen di que o manuscrito en si é un engano, que en realidade todo é unha farsa e que non contén ningunha información coherente.
Se queredes probar sorte na descodificación | Manuscrito de Voynich en PDF
En realidade, a lei de Zipf non é exactamente iso, senón unha lei estatística que explica que a palabra máis común dunha lingua aparece o dobre de veces que a segunda máis común nun corpus dado, tres veces máis que a terceira máis común e así sucesivamente. O manoscrito Voynich tamén a compre, de todos xeitos.