
As veces parécenos imposible que a distancia que nos separa a nós do resto do Universo poidamos obter tanta información del. Un claro exemplo disto é a noticia que nos chega dende a NASA.
Astrónomos da axencia aeroespacial estadounidense deduciron a cor dun dos exoplanetas, planetas que xiran ao redor dunha estrela diferente do Sol, máis próximos á nosa humilde Terra (“tan só” 63 anos luz) chamado HD 189733b o cal foi descuberto en 2005.
Estes astrónomos valéronse do telescopio espacial Hubble co que usando un sinxelo pero efectivo método determinaron que a cor do exoplaneta é azul. En palabras de Frederic Pont da Universidade de Exeter:
Vimos a luz pasando a ser menos brillante na compoñente azul ao contrario da verde ou da vermella. Faltaba luz azul, non vermella ou verde cando o planeta estaba escondido (detrás da estrela). Isto significa que o obxecto que desaparecía tras ela era azul.
Polo que se puidéramos ver directamente este planeta, este asemellaríase a un punto dunha cor azul profunda, lembrándonos á cor do noso querido planeta azul.
Non obstante, semella que a cor é a única característica que ambos astros teñen en común. A curta distancia que separa á dito planeta da súa estrela fai que a súa temperatura se eleve por enriba dos 1 000 ºC e que os gases máis superficiais se movan a unha velocidade de case 7300 km/h. Polo que parece que non será un destino moi apetecible no caso de que algún día desenrolemos a tecnoloxía necesaria para facer viaxes interestelares.
Fonte | NASA