O poder de ler a mente e coñecer a personalidade de alguén é un poder que a moitos lles encantaría ter. Mais o certo que tan só uns poucos podemos posuír, e digo podemos porque afortunadamente nós posuímos ese tremendo poder. Que non nos cres? Pois agora mesmo cho vamos a demostrar, a túa personalidade non é fácil de descifrar; así a todo o noso poder é case ilimitado:
Querido lector/a:
Tes a necesidade de que outras persoas te aprecien e te admiren, e pola contra es moi crítico/a contigo mesmo/a. Tes unha considerable capacidade sen usar que aínda non aproveitaches.
Aínda que teñas algunhas debilidades na túa personalidade, normalmente es capaz de compensalas. Iso faite disciplinado/a e controlado/a cara afora, mais o certo é que tendes a ser preocupado/a e inseguro/a por dentro. Tamén estás orgulloso de ser un pensador/a independente, e de non aceptar as afirmacións dos demais sen as probas suficientes.
Non obstante o que máis define a túa personalidade é que as túas aspiracións tenden a ser bastante irrealistas.
Sorprendido/a? A que acertamos en case todo o que puxemos. O que te preguntarás neste momento é como raio fixemos para saber todo isto sobre ti. Non, non nos volvemos un blog de astroloxía senón que todo isto é produto do chamado efecto Forer ou efecto Barnum.
O efecto Forer baséase en que os individuos dan aprobación de alta precisión a descricións da súa personalidade que supoñen que foron feitas especificamente para eles, pero en realidade constan de afirmacións o suficientemente xerais e vagas como para poder ser aplicadas a un amplo espectro de xente. Se volvedes a ler o texto, observaredes que en realidade cando describíamos a túa personalidade, non dicíamos nada concreto e utilizando características que son comúns a unha gran cantidade de xente.
Este mesmo texto foi entregado polo psicólogo Bertram R. Forer a un grupo de estudantes de psicoloxía tras facer un suposto test de personalidade pedíndolles que nunha escala de 5 valoraran a veracidade do resultado. O resultado medio obtido foi de 4,26.
Outro grupo de investigadores realizaron a mesma proba utilizando o chamado “Inventario Multifásico de Personalidade de Minnesotta” unha das probas de personalidade que máis se utilizan no campo da saúde mental. Tras isto entregáronlle dous resultados do test. O que obtería na realización normal do test e outro que contiña afirmacións xerais sen ningunha concreción; para logo pedirlles cal deles define mellor a súa personalidade. Sorprendentemente máis da metade (un 59%) das persoas recoñeceron como verdadeiro o resultado falso que se baseaba do efecto de Forer.
Hai que ter en conta que na avaliación alta por parte da persoa que realiza o test inflúen aspectos como que el crea que o resultado se aplica tan só a el, que crea na autoridade do avaliador e que o análise enumere atributos maiormente positivos.
Como é de imaxinar este efecto é o que utilizan moitas pseudociencias como a astroloxía, lectura das cartas ou a grafoloxía. De feito o texto que nós utilizamos foi sacado por parte de Forer de distintos horóscopos. Así que cando alguén vos diga que pode descifrar a vosa forma de ser non dubidedes en pedirlle aspectos máis concretos para comprobar se é verdade que posúe dito poder.