Galicia é unha terra chea de tesouros, algúns agachados e outros que levan aí toda a vida, agasallos para os sentidos que todos deberían poder saborear algunha vez nas súas vidas.
Desta, temos ante nós un deses últimos, a maxia da natureza en forma de praia, en Ribadeo, “A Praia das Catedrais“.
Tamén coñecida como “Praia de Augas Santas“, estamos fronte a algo máis ca mar e area. Bañado polo Mar Cantábrico, este areal acada unha lonxitude media de 1500 m, mais non é a lonxitude a súa característica principal.
Esculpidas durante séculos e séculos, pola acción da auga salgada do mar e a forza do vento, as grandes rochas que hai nesta praia foron acadando abraiantes formas; así, atopámonos con esculturas de impresionantes texturas, covas cara ningures, arcos…
Hai dous xeitos de aproveitar a praia, cada un co seu engado especial.
Por un lado temos o menos atractivo; podemos aproveitar un día de marea alta para pasear á beira do acantilado e ver as rochas dende arriba, co mar que as baña.
Pero a opción con máis acollida é agardar a que a auga baixe abondo como para pasear pola area, poñer un par de sandalias e se cadra o traxe de baño e pasear ao pé das catedrais, contemplar a forza da natureza a nivel de mar.
Teremos coidado se esta última é a nosa escolla, pois como en case todo o cantábrico, a praia é moi plana e o nivel da auga sube moi rápido.
Orixe do nome:
Hai varias teorías que intentan explicar o nome de “Praia das Catedrais”.
Como máis aceptada, temos a que di que as formas das rochas erosionadas, lembra ás propias catedrais.
Outra opción menos difundida suxire que debido ó eco no interior das covas, o son producido semella ó que se pode escoitar dentro dos mesmos templos de culto.
Fauna:
A forma das rochas, permite a varios tipos de moluscos e crustáceos convivir neste paraíso cos percebes e mexillóns das pedras.
Así, atopámonos, en terra con estrelas de mar, caramuxos, lapas, cangrexos, berberechos…; polo aire con gaivotas, garzas, lavandeiras, corvos mariños…; e polo mar con barbadas, escachos, lorchos, maragotas…
Artigos relacionados: Monumentos de Galicia: “Millenuim”