Se a alguén lle ensinan unha fogueira, todo o mundo sabería recoñecela, e ademáis podería dicir que está formado por “algo” chamado lume. Non obstante, se a esa mesma persoa lle pedimos entón que nos defina lume veríamos que xa non sabería dicilo dunha forma clara. E o certo é que esa pregunta non é para nada trivial, é máis, a percepción científica que o ser humano tiña do lume foi evolucionando ao longo da historia.
Como adoita a ser habitual en case todos os ámbitos do coñecemento, o primeiro intento por definir a natureza deste ente foi realizado polos gregos durante a época clásica. Eles consideraban que o lume era un dos catro elementos que formaba todo o universo, xunto coa auga, a terra e o aire (moitas das escolas, engadían tamén a chamada quintaesencia, idea, éter ou simplemente “o quinto elemento”). Esta visión manteríase durante moito tempo, debido principalmente as ideas aristotélicas que a Igrexa Católica adoptaría durante toda a Idade Media.

Non sería ata os séculos XVI e XVII cando esta teoría se empezaría a abandonar, sendo substituída pola Teoría do Floxisto proposta polos químicos alemáns Johann Becher e Georg Stahl. Nela propoñíase que para que un material fora susceptible de ser queimado tiña que posuír unha substancia chamada floxisto, e que a propia queima se producía polo desprendemento desa substancia.
Finalmente Lavoisier, a finais do século XVII, sería o que introduciría a visión moderna do lume. Para el a combustión producíase como consecuencia da reacción dos materiais que se queimaban co oxíxeno presente no aire. Desta forma os materiais gañaban peso tras a combustión.
Esta gañanza de peso puido demostrala experimentalmente polo que o resultado contradicía de fronte a anterior teoría, pois un material que perdía parte dos seus compoñentes (o floxisto) non podía gañar peso mediante ese proceso.
Desta maneira chegaríase á definición actual do lume. Para os científicos modernos o lume non é máis que unha reacción química violenta entre o oxíxeno e un material que serve de combustible. Esta reacción é exotérmica, é dicir, ten un balance enerxético favorable Esa enerxía, a cal compoñerá as chamas, será emitida en forma de luz e calor ao exterior. E será este aspecto enerxético o que fará do lume a primeira fonte de enerxía artificial (aparte das que se posúen biolóxicamente) que sería controlada polo ser humano.