Xogaches algunha vez ao parchís? Ao xadrez? A un deporte?
Pois construír unha ciencia como son as matemáticas non é moito máis difícil ca inventarse un xogo deste estilo.
En efecto, neste tipo de xogos, pártense dunhas regras básicas, como pode ser no caso do xadrez a de mover as pezas dun determinado xeito ou a de que se gaña ao facer “Xaque Mate”; despois, engádense estratexias, movementos que non infrinxan o anterior apartado e xente disposta a seguila…
Pois no caso das matemáticas é case o mesmo ca nestes xogos.
- Regras básicas: Con unicamente dez leis básicas e inquebrantables, construiremos o inmenso mundo das matemáticas, son os coñecidos como os dez axiomas, clasificados á vez en tres tipos:
- De corpo : 5 axiomas nos que se definen as operacións básicas.
- De orde: 4 axiomas nos que se introducen os conceptos de maior e menor.
- De completitude: 1 axioma relacionado coas cotas de conxuntos de números.

Notar que o único que se lles pide de antemán aos axiomas é que sexan consistentes consigo mesmos.
- Estratexia: Conforme a isto, agora podemos empezar a sacar conclusións e definicións que, sempre que teñan sentido e non contradigan ou violen algún axioma serán perfectamente válidas.
O normal é definir conceptos e en base a eles formular teoremas con cadansúa demostración.
Chamaranse corolarios ás repercusións inmediatas dos teoremas e lemas cando os anteriores son máis ben simples.
- Xogadores: Pois chegados a este punto só queda un bo grupo de xente disposta a darlle á cabeza e sacar invencións do máis enxeñosas.
Hai varias formas de xogar, podedes ser dende participantes ata descubridores.
