
Hai unhas semanas publicábamos a lista definitiva dos candidatos ao premios Mestre Mateo 2014 e pouco despois coñecíamos que Roberto Vilar, coñecido presentador do programa de TVG “Land Rober”, será o encargado de conducir a gala do 12 de abril; relevando a actriz Cristina Castaño, a presentadora no ano pasado.
A parte de ser o presentador, o humorista xunto a cineasta Giselle Llanio, serán os directores da gala; e pretenden darlles aos espectadores o protagonismo do que poucas veces gozan. Desta maneira a gala contará coas intervencións dunha familia, a cal dende a súa casa comentará como vai vendo a súa gala e dará a súa opinión sobre os premiados e premiadas.

Tamén foi comunicado que o premio de Honra “Fernando Rey” será outorgado a Manolo González, un dos principais propulsores na creación, desenvolvemento e impulso da Escola de Imaxe e Son da Coruña, sen a que non se entendería a historia mais recente do audiovisual en Galicia.
A gala será retransmitida pola TVG a partir das 22.00 e ademais poderedes seguir a retransmisión que nós faremos en directo a través de Twitter da mesma forma que fixemos o ano pasado, coa diferenza de que este ano o faremos dende a gala mesmo.
Si, estaremos no Palexco da Coruña, para contar todo o que pase de primeira man, así que non volo podedes perder. Recordade o 12 de abril pola tarde a través do hashtag #MestreMateoEDT nos vosos smartphones, tablets ou o xa antigo PC.