Non é primeira vez que falamos dos fenómenos virais neste espazo, non obstante non podíamos obviar a última e autóctona moda das redes sociais: o chamado Legado do Tibu. A maioría xa saberedes en que consiste o famoso legado pois probablemente xa o sufristes na vosa propia pel ou vistes a morea de vídeos con xente mollándose no voso feed de Facebook ou Twitter.
Aínda así por se hai algún despistado que non se decatou: O Legado do Tibu é un xogo polo cal se ti resultas nomeado por alguén resulta que tes 48 horas para mollarte de arriba a abaixo con auga fría. En caso contrario veraste obrigado a pagarlle unha mariscada/cea a persoa que te nomeou. Unha vez mollado terás dereito a nomear a tres persoas máis que deberán facer o mesmo.
Unha proposta simple, non si? Pois este xogo tan parvo fixo que dende que un camariñán emigrado en Suíza o trouxo para Galicia, en menos de un mes milleiros de galegos xa foron debidamente mollados, e incluso traspasando as nosas fronteiras e chegando a programas estatais de televisión, como é “En el aire” de Buenafuente.
A extraordinaria rapidez coa que se propagou este fenómeno débese a que estamos ante un unha propagación viral de libro, algo que se vai transmitindo de persoa a persoa manualmente coma se dun rumor se tratase. E o feito de poder pasar a bola a tres persoas fai que este efecto se magnifique especialmente chegando ao punto no que moitos de nós tivemos problemas para atopar a xente a quen nomear pois a maioría xa estaban mollados.
O certo é que moitas veces subestimamos a magnitude das propagacións virais, froito da falsa crenza de que as persoas son ilimitadas, mais ocorre todo o contrario, nestes procesos o número de persoas quédase pequeno moi rapidamente.
Para velo imos ter que tomar man das nosas amigas as matemáticas.