Nado na prefectura nipona de Tochigi no ano 1911 e morto en Tokio no 2005, Akira Yoshizawa é coñecido como un dos grandes mestres do origami moderno. Estímase que en 1989 xa fora autor dunhas 50000 figuras.
Biografía
- 1911: Nace en Tochigui
- 1915: Unha veciña regálalle unha figura feita con papel de periódico
- 1937: Empeza a dedicarse profesionalmente ao origami
- 1954: Publica o seu primeiro libro (“Origami Geijutsu”)
- 1983: Recibe a Orde do Sol Nacente (Un dos maiores honores en Xapón)
- 1998: Propónselle exhibir as súas figuras no Louvre de París
- 2005: Morre á idade de 94 anos tras complicárselle unha pneumonía
Arte de seu
Yoshizawa foi o pai de numerosas técnicas, entre elas, a que pasaría a ser a máis característica, a do pregado húmido (antes de dobrar, humedécese o papel de xeito que as dobreces son moito máis naturais, resultando figuras de maior realismo).
Acollendo con orgullo a definición puritana de origami, en ningún momento usaría nin tesoiras nin cola na creación das súas figuras.
Sistema de notación Yoshizawa-Randlett
Tamén foi responsable de axudar a introducir a que sería a notación internacional nos libros de origami.
Neste código, introduce raias e puntos para simbolizar os pregamentos cara dentro ou cara afora.