
As discusións, que seríamos nós sen elas. Esas conversacións que se converten en batallas verbais, nas que o obxectivo idílico é compartir unha opinión sobre algún tema para contrastar a veracidade da mesma. Podendo desta forma axudarnos mutuamente para ter unhas ideas máis complexas e mellores.
Pero o certo é que moitas veces, especialmente cando tocamos temas delicados (véxase política, relixión ou incluso deportes como o fútbol) o que acabamos facendo é comezar a berrar cada vez máis alto sen que ninguén escoite a ninguén e usando falacias como se fosen argumentos lóxicos válidos.
Unha falacia é, simplemente, un argumento que parece válido, pero non o é. Hai moitos tipos de falacias, e moitas son incluso aceptadas sen tan sequera pararnos a pensar que en realidade carecen de sentido lóxico. A continuación mostramos tan só algúns exemplos de falacias máis utilizadas:
Argumento ad antiquitatem
Utilizada sobre todo polos máis maiores. Trátase en considerar de que algo leve establecido durante moito tempo dunha forma implica inmediatamente a súa veracidade
Isto lévase facéndose así toda a vida, non veñas agora ti de listo a cambialo todo.
Razoando deste xeito estase asumindo que o establecido foi probado como certo no pasado e que en caso de que o fora os feitos que o condicionaban seguen sendo os mesmos na actualidade; algo que en ambos casos non ten por que suceder.
Falacia do home de palla
Esta falacia é moi utilizada como un xeito de descualificación que se basea en malinterpretar deliberadamente unha afirmación dita por alguén para logo utilizala na súa contra. Un exemplo claro é:
A: O días soleados son bos.
B: Se todos os días fosen soleados nunca chovería, e sen chuvia estaríamos condenados á morte.
Como vemos B está asumindo que A dixo que tan só os días soleados son bos, algo que nunca se dixo; que os días soleados sexan bos non implica que os chuviosos non o poidan ser tamén.
Argumento ad hominem
Consiste en desacreditar un argumento atacando á quen o defende non ao argumento en si.
Dis que ese home é inocente mais non podes ser crible pois ti tamén es un criminal.
Como vemos en ningún momento se trata de demostrar a falsidade do argumento, senón que se asume que é incorrecto polo feito de quen é o que a está defendendo.
Argumento ad vercundian
Unha variante da anterior falacia. Consiste en admitir como certo un argumento polo mero feito da autoridade, fama ou prestixio da persoa que a está defendendo.
Para Aristóteles a Terra era o centro do universo, polo que o heliocentrismo ten que ser incorrecto.
Argumento ad populum
Consiste en argumentar que algo é correcto apoiándose en que é a opinión que a maioría das persoas defenden. É evidente que isto non ten por que ser certo nin moito menos.
Deberías comprar naquela tenda, pois é a número 1 en vendas.
E isto leva a que, en democracia, tomar os resultados como bos ou malos segundo o número de votos non é máis que outra falacia. Na democracia os resultados soamente miden que é o quere a maioría dos votantes, e iso, neste sistema político, debe ser suficiente para tomar as decisións.
Todo isto lémbrame a algo que adoitaba a dicir o meu avó:
Non pensedes que porque todos esteades en contra miña o tolo son eu.