Ata non hai moito, críase que a luz tiña velocidade infinita, intentárase medir de moitas formas e sempre se concluía en que chegaba instantaneamente aos sitios.
Co paso dos séculos, os sistemas de medición foron avanzando e coa chegada do século XX, chegou tamén Einstein.
Non só se mediu a velocidade desta, senón que coa coñecida como “Teoría da Relatividade Especial”, puxo a base duns conceptos que cambiarían a forma de percibir a realidade.
A fórmula de partida é simple: “A velocidade da luz no baleiro é constante”.
Non parece moi complicada, verdade? Pois agardade a ver as consecuencias que trae consigo.
En concreto, a velocidade da luz abréviase coa letra “c” e equivale a case 300 000 km/s.
Propoñamos unhas situacións do estilo que o mesmo Einstein propuxo para aclarar (ou lear) esta afirmación:
Imos montados nun bus que xusto acaba de pasar por diante dunha parada e lanzamos pola ventá unha pelota. Se o bus vai a unha velocidade de 30 km/h e a pelota lanzámola a 10 km/h, dende o punto de vista dunha persoa que agarda na parada, a pelota irá a 40 km/h. Porén, dende o noso punto de vista, moverase aos 10 km/h aos que a lanzamos.
Ata aquí sen problema. Isto é o que a nosa experiencia e a nosa intuición nos dictan.
Cambiemos a outra situación aparentemente equivalente.
Unha nave espacial que pasa preto da Terra móvese a unha determinada velocidade, poñámoslle por exemplo 500 km/h (supoñendo que quen mide a velocidade está na Terra), pois ben, se a nave lanza un raio láser, a que velocidade se moverá a luz que forma o láser?
Dende o punto de vista dunha persa na nave non hai discusión, será “c”.
Agora ben, en vista do que nos di a nosa intuición, para unha persoa na Terra, o doado sería estender o caso anterior a este e dicir que a nova velocidade será 500 km/h + “c”.
Pero lembrade o que dixemos antes, a velocidade da luz é constante, polo tanto, esteamos dentro ou fora da nave, ou incluso en Marte ou na Lúa, veremos sempre o raio moverse a unha velocidade “c”.
Como é isto posible? Pois aínda que isto sería xa tema doutro artigo, dicir que o que non é realmente constante son o tempo e o espazo (en concreto, estas magnitudes se deformarían, o tempo pasaría máis amodo e as distancias estreitaríanse). Soa a ciencia ficción, verdade?
Pero nada máis preto da realidade, cando nos movemos a velocidades desta índole, o que a nosa intuición nos dicta non deixa de ser iso, intuición, pero errónea.
Queda por aclarar unha cousa. Por que no caso do bus valía sumar as velocidades e no da nave non se a realidade na que vivimos é a mesma para todo?
En efecto, a física que se aplica aos dous casos é a mesma. O caso é que para velocidades pequenas comparadas con “c”, as ecuacións que rexen estes fenómenos simplifícanse ata o punto no que é válido sumar.
En definitiva:
A realidade que percibimos non é máis ca unha aproximación