Un ano máis dende o equipo de erdati tivemos a honra de cubrir en directo a gala dos “Premios Mestre Mateo”, os galardóns ao audiovisual galego.
Empezaba a cerimonia de novo con Roberto Vilar, esta vez agradecendo ao público o gran apoio que este 2014 recibiu o xénero, sobre todo nas salas de cine.
Foi unha noite máis ben marcada por discursos breves, de agradecementos á familia e aos amigos, lonxe dos grandes soliloquios que caracterizaran a do ano pasado.
Porén, isto non significou que se deixara de todo atrás o toque crítico (se ben non tan acentuado) segundo foi avanzando a noite.
Unha aparición de Isabel Risco, evocando o seu triunfal discurso da anterior edición, deixaríalle as ganas na boca aos que esperaban que a volvera a armar. Foi unha aparición rápida e sen impacto algún.
Sería a orquestra da anterior edición substituída pola voz de Roberto Vilar, acompañada ao violín por Lucía Regueiro. Pero o afán de protagonismo do presentador gañoulle unha labazada por parte da violinista.
Puidemos tamén gozar dunha homenaxe aos 30 anos que se cumpren xa da TVG, evocando as producións máis emotivas e características destes anos.
E en canto á cerimonia non moito máis, a austeridade caracterizaría esta edición, se ben, queda comentar aos protagonistas da noite, os premiados.
Partían “A Esmorga”, “Os Fenómenos” e “Serramoura” de favoritos.
Gañou 6 premios o filme de Ignacio Vilar que partía de favorita, faltaríalle para coroar a noite ter gañado os grandes de “mellor longametraxe” a “mellor guión” ou a “mellor dirección” pero un imparable “Os fenómenos” arrasou nestas estatuiñas, acadando un total de 4 galardóns.
Non lle correspondería a “Serramoura” o terceiro posto (que gañaría unicamente o premio a “mellor serie de TV”), pois dando a sorpresa, “Schimbare” acadaría a medalla de bronce con dous premios.
Unha mención especial cabe facer ao actor Antonio Durán “Morris”, que aínda que non puido acudir á gala por motivos profesionais, sería o gañador de dous premios, un por “Mellor actor de reparto” (por “O Códice”) e outro por “Mellor actor protagonista” (por “A Esmorga”).
Tamén temos que felicitar a ZigZag Diario, que co que gañou desta vez, xa leva acumulados 4 premios ao longo de 4 anos e por suposto a Fely Manzano, que foi o premio de honra da noite.
Quedarán na memoria da XIII edición dos Mestre Mateo, frases como:
- “Vai para os que seguen traballando sen cobrar un peso” (Porco Bravú)
- “Grazas ao meu idioma teño traballo no meu país” Marga Pazos
- “30 anos creando inmortais” Vídeo conmemorativo dos 30 anos da ficción televisiva en galego
- “Algo pasa para que as nosas películas non cheguen ao gran público” Mabel Rivera
- “Non se pode aspirar a ter o nivel económico de alemania tendo o cultural de Tanzania” Alfonso Zarauza
En resumo, unha gala áxil. Unha Esmorga e uns Fenómenos que cóbado con cóbado arrasaron nos galardóns… Pero sobre todo, un ano máis no que o audiovisual galego ten a súa festa.
Por último, agradecerlle á organización o gran trato que un ano máis nos achegou.